domingo, 28 de xullo de 2024

TIRO Á CHAVE: DESAFÍO RÍAS BAIXAS 2024 primeira xornada MOURENTE

 


Comezou o DESAFÍO RÍAS BAIXAS 2024 de Tiro á Chave. Este evento deportivo ten como obxectivo, entre outros, potenciar, espallar, impulsar e promover a práctica do deporte autóctono galego da Chave na zona das Rías Baixas. Esta aventura chamada Desafío Tiro á Chave naceu hai 3 anos grazas ao esforzo organizativo do Club Tiro á Chave do Morrazo. O presidente do club, Vicente Verdeal, e a secretaria, Bea da Silva, foron e son as persoas que están alimentando e coidando este proxecto magnífico. 

Este ano o DESAFÍO deu un paso máis e conseguiu o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, cousa que supón un avance significativo no edido da difusión, divulgación e promoción desta actividade deportiva tradicional e popular. 

Durante estes meses de xullo, agosto e setembro disputarase o Desafío Rías Baixas cun calendario de probas que resolverán que equipo será o Campión. Nesta edición 2024 participan os equipos de Bueu, Cangas, Hío, Moaña e Mourente. Disputaranse 5 probas puntuables para o DESAFÍO que serán 27 de xullo Mourente, 3 de agosto Hío, 17 agosto Bueu, 24 agosto Cangas e 31 agosto Moaña. Despois, haberá outras probas non puntuables na que a participación será libre para que poidan xogar outros equipos e persoas. Estas últimas probas teñén a intención visitar lugares emblemáticos das Rías Baixas como son Ribadumia, Sanxenxo e Vigo. 

Pois ben, o comezo non puido ser máis brillante. Vaia, brillante para algún equipo e con sombras para outros. Vaiamos por partes. O lugar foi Mourente, a hora as 16:30 e a temperatura foi a normal para esta época estival. As sombras no campo de chave eran recomendables para espectadoras, espectadores e xogadores reserva. 

Os enfrontamentos estaban sorteados e os adestradores dos equipos prepararon as mellores aliñacións posibles, tendo en conta, temperatura, rival e estado de forma dos xogadores. En fin, no Campo 1, Moaña contra Cangas ou o que é o mesmo Suso e Carlos contra José e Ricardo. No campo 2, Hío contra Bueu. De Hío xogaron Orlando e Kiji contra Barreda e Laxeiras de Bueu. Os demais enfrontamentos e resultados aparecen nos cadros de abaixo. 




  Despois do acontecido en Mourente, o equipo de Hío encabeza a clasificación xeral do DESAFÍO e preséntase como claro favorito para o Título. Aínda así, Cangas e Moaña están ao acubillo para aproveitar calquera debilidade dos de Hío. 




 O Equipo de Hío xogou con Orlando, Kiji, Rober e Luki, que non deron opción aos rivais en ningunha das partidas. E ollo que a próxima xornada xogan como locais, aínda que nas instalacións de Cangas, pois aínda non teñen o campo de Chave de Hío en condicións para disputar a proba. Segundo comentaba Orlando a pé de campo, "non sabemos perder aínda que o intentemos moitas veces".

 Cousa contraria lle sucede a Bueu, que intenta ganar e poucas veces o consegue. Charri non encontra a fórmula máxica para combinar aos talentosos e voluntariosos xogadores de Bueu. Está claro que o equipo amarelo conta cunha figura indiscutible como é Barreda e con Laxeiras que sempre é fiable. Os demais xogadores, son unha aposta persoal do director técnico Charri, que convocou a xogadores con gran proxección como Carolo e Juanchi, non obstante, de pouca experiencia. De momento, a aposta de Charri non convenceu a ninguén. Como dixo ao finalizar o filósofo de Beluso, "nun día non nacen todas as flores da primavera". 

 "A lección que estamos dando hoxe aquí -seguía dicindo Charri- é que non se pode ser bo en todo, e nós non temos rival como amantes da gastronomía acuática e bateeira das Ría". 

 

 Por outra beira, o equipo que se supón outro dos grandes favoritos, Cangas, formou con Cori, Pablo, Carlos, José, Ricardo e Pires. Só foi derrotado nunha partida contra Hío e xa están preparando a resposta para darlle aos seus veciños na próxima partida. 

 

Mourente é o equipo debutante neste DESAFÍO RÍAS BAIXAS. Esta competición comezou hai dous anos coa denominación de DESAFÍO do MORRAZO e este ano ampliou o territorio de xogo a toda a zona das Rías Baixas.  

 

 Pois ben, Mourente debe adaptarse pouco a pouco, xornada a xornada a esta maneira de tirar que teñen os equipos máis veteranos.Non se pode dicir que o equipo pontevedrés tivo un comezo fácil na competición, nin que brillara como unha estrela fugaz. O que si se pode afirmar é que de aquí en diante todo vai ser ir para arriba ou polo menos non ir máis abaixo. Non sabemos se é unha estratexia intencionada o de empezar no máis baixo da clasificación para así ir mellorando nas vindeiras tiradas. Mourente xogou con Rai, David, Óscar, Juan, Manolo e Jaime. 

 

Moaña é unha alternativa aos equipos de Cangas, unha alternativa que debe mellorar moito se quere manter a ilusión e non quedar sen opcións de título antes da última xornada que se disputará na súa casa. O equipo azulón perdeu contra Cangas e Hío, os dous grandes candidatos ao título e parece que Verdeal non estaba moi contento do desempeño dos seus pupilos. Na sala de prensa afirmaba que "A partida foi ben planificada por min, pero, os xogadores elixidos non estiveron á altura. Máis non podo facer. O único que quero asumir como erro meu é a elección dos talles das camisetas. Quizais debín ser máis xeneros e pedir camisetas máis amplias e non tan axustadas. Síntoo, equivoqueime, non volverá suceder". Por Moaña xogaron, Luís Albino, Suso, Carlos e Vicente.

Despois de xogada a primeira xornada de Mourente xa espera Cangas para disputar o vindeiro sábado 3 de agosto ás 16:30 a segunda tirada. Exerce de local o equipo de Hío, que ten fundadas esperanzas de manter o liderado acadado en Mourente, e se a ocasión se presenta favorable distanciarse máis dos seus perseguidores.

 

 

CLASIFICACIÓN XERAL



 

 

HÍO líder da Clasificación Xeral


 


 








Ningún comentario:

Publicar un comentario

MOAÑA GANA O DESAFÍO 2024

  A última xornada puntuable para o DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE 2024 rematou como as boas películas cun desenlace espectacular e feliz....