mércores, 28 de agosto de 2024

4ª xornada CANGAS

 As gaivotas de Moaña acercáronse tanto a Hío que pasaron por Cangas como un furacán. Así, o equipo moañés venceu nas 4 partidas da cuarta xornada do DESAFÍO RÍAS BAIXAS DE TIRO Á CHAVE. Agora a cousa queda pendente de resolverse na última xornada puntuable do vindeiro sábado 31 de agosto. Será xogando como locais cando os de azul intentarán superar na xeral a Hío e levarse o título.

No campo 1 xogou Hío contra Bueu unha partida que se prevía moi desigual, xa que, o equipo amarelo de Bueu está no fondo da clasificación e Hío partía como líder. Petro e Kiji xogaban contra Rafa e Laxeiras. Bueu partía coa súa mellor parella para buscar un triunfo que os acercara ao seu obxectivo de non ser o pechacancelas. Ben, a partida comezou igualada ata a cuarta tirada na que Hío deu o golpe definitivo con Kiji metendo 4 puntos. 

Na segunda partida Cangas enfrontaba Mourente co optimismo de partir como favoritos. A cousa torceuse e de que modo para o equipo vermello. Mourente, con David e Manolo, forma unha parella de moito nivel e se o día e o vento están no norte os de Pontevedra poden facer sufrir a calquera parella. Así, Carlos e Ricardo quedaron sorprendidos e perdidos. Mourente levouso a vitoria. 

Na terceira partida Mourente e Hío dilucidaban outra partida bastante desequilibrada nas forzas. Desta vez, xogaron Rai e Jaime polo equipo pontevedrés e Orlando e Luki por Hío. Non houbo lugar a sorpresas e nin Jaime estivo moi acertado nin Orlando deixou de acertar máis do 50 % dos pellos. Polo tanto, xuntáronse dous feitos contrapostos, o acerto contra o desacerto. Hío triunfou. 

Na cuarta partida Bueu e Mourente xogábanse escapar da posición que ninguén quere. Vaia, semellou que Bueu si que a quería esa última praza da xeral, xa que, Carolo e Charri fixeron o posible e en ocasións o imposible para perder a partida. Manolo e David leváronse o triunfo con comodidade. 

Na quinta partida deste campo 1 Mourente xogou contra Moaña. Por Mourente tiraron Jaime e Rai e por Moaña Chufi e Albino. Vitoria azulona sen despeitearse. Nin Rai coa súa zurda eléctrica puido frear á parella máis elegante do equipo moañés, Os Chufinos.





 No campo 2 a primeira partida xuntou a Moaña e Cangas. Esta partida foi a de máis nivel da xornada, pois, despois de 3 tiradas rematou coa vitoria incontestable de Moaña. Suso estivo imperial e en 2 tiradas tivo 11 acertos de 12 pellos lanzados, bestial! López acompañouno con 7 acertos de 12 pellos. Aínda que Pablo e Jose estiveron moi ben cun 60% de acerto non lles chegou para evitar a derrota. 

Na segunda partida Moaña víase as caras con Hío. Outra das partidas clave para Moaña, se quería alcanzar o primeiro posto que ocupaba Hío. Desta vez, Suso e López venceron a Petro e Kiji en 4 tiradas. De novo Suso demostrou que tiña unha tarde acertada e volveu a superar o 60% de acerto. 

Na terceira partida un inferior Bueu medíase a un Moaña imparable que contaba as partidas da xornada por vitorias. Rafa e Laxeiras fixeron o que pudieron contra Chufi e Albino. Empezou a partida igualada e conforme o cansanzo se acumulaba nos brazos de Laxeiras, Bueu foi perdendo o norte e Rafa non puido evitar a derrota. 

Na cuarta partida Hío medíase a Cangas. O equipo morado coñecedor de que Moaña ganara as súas 4 partidas tiña que vencer para igualalo na xeral. Dito e feito. Orlando e Luki aproveitaron un 0 de Ricardo na segunda tirada para adiantarse e vencer a resistencia do equipo de Cangas. A pesar de todo, o equipo cangués prolongou a partida ata as 5 tiradas matando os pellos de Hío ata que Orlando acertou o tiro definitivo.

Na quinta e última partida Bueu encarou a Cangas con poucas esperanzas de triunfo. Carolo e Charri contra Pablo e Carlos foi a loita de David contra Goliat, dun trasatlántico contra unha dorna. En fin, o mexicano de Bueu, Charri, xa puxo de moda o seu lanzamento, "facer un Charri", ou sexa, non acertar ningún dos 6 pellos lanzados, cousa que adoita facer moi a miúdo o Got Talent Charri.

 
























Agora a clasificación queda desta maneira tan igualada para o Título. Moaña e Hío xóganse o campionato en 4 partidas a lume de carozo. O resto dos equipos non é verdade que non se xoguen nada. Así, Mourente e Cangas discutiran a terceira praza do podio con vantaxe de 2 vitorias para o equipo vermello cangués. Incluso Bueu ten posibilidades, poucas de evitar o último posto. Deberá ganar as 4 partidas e que Mourente perda as 4 partidas. Cousa improbable, imposible sempre que Charri estea nos seus números (negativos). 

Agora ben, eses equipos que parece que se xogan algo menor ao título teñen a motivación dos incentivos que van recibir por parte de Moaña e Hío para estimulalos naquelas partidas que deben enfrontar a algún dos aspirantes ao Titulo. En definitiva, as clásicas e nunca demostradas primas a terceiros equipos. Por outra beira, está o clima de temor sobre as actuacións arbitrais. Tal é a cousa que a organización xa contratou árbitro do Comité Técnico da Federación Galega de Deporte Autóctono. Árbitros que viaxarán en batea desde Vigo o mesmo sábado pola mañá escoltados por lanchas bateeiras. Todo controlado, afirmaban desde a organización.







XORNADA FINAL DO DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE

SÁBADO 31 AGOSTO 17:30h

MOAÑA (Campo de Chave ao lado do Club de Xubilados Domaio)


Na foto aparecen o Xefe do Servizo Provincial de Deporte de Pontevedra, Daniel Benavides, o Presidente do Club Tiro á Chave do Morrazo, Vicente Verdeal e a secretaria do mesmo club, Bea da Silva, no campo de Chave de Domaio, lugar onde se disputará a última xornada do DESAFÍO.


Trofeos finais do DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE


Ningún comentario:

Publicar un comentario

MOAÑA GANA O DESAFÍO 2024

  A última xornada puntuable para o DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE 2024 rematou como as boas películas cun desenlace espectacular e feliz....