mércores, 28 de agosto de 2024

4ª xornada CANGAS

 As gaivotas de Moaña acercáronse tanto a Hío que pasaron por Cangas como un furacán. Así, o equipo moañés venceu nas 4 partidas da cuarta xornada do DESAFÍO RÍAS BAIXAS DE TIRO Á CHAVE. Agora a cousa queda pendente de resolverse na última xornada puntuable do vindeiro sábado 31 de agosto. Será xogando como locais cando os de azul intentarán superar na xeral a Hío e levarse o título.

No campo 1 xogou Hío contra Bueu unha partida que se prevía moi desigual, xa que, o equipo amarelo de Bueu está no fondo da clasificación e Hío partía como líder. Petro e Kiji xogaban contra Rafa e Laxeiras. Bueu partía coa súa mellor parella para buscar un triunfo que os acercara ao seu obxectivo de non ser o pechacancelas. Ben, a partida comezou igualada ata a cuarta tirada na que Hío deu o golpe definitivo con Kiji metendo 4 puntos. 

Na segunda partida Cangas enfrontaba Mourente co optimismo de partir como favoritos. A cousa torceuse e de que modo para o equipo vermello. Mourente, con David e Manolo, forma unha parella de moito nivel e se o día e o vento están no norte os de Pontevedra poden facer sufrir a calquera parella. Así, Carlos e Ricardo quedaron sorprendidos e perdidos. Mourente levouso a vitoria. 

Na terceira partida Mourente e Hío dilucidaban outra partida bastante desequilibrada nas forzas. Desta vez, xogaron Rai e Jaime polo equipo pontevedrés e Orlando e Luki por Hío. Non houbo lugar a sorpresas e nin Jaime estivo moi acertado nin Orlando deixou de acertar máis do 50 % dos pellos. Polo tanto, xuntáronse dous feitos contrapostos, o acerto contra o desacerto. Hío triunfou. 

Na cuarta partida Bueu e Mourente xogábanse escapar da posición que ninguén quere. Vaia, semellou que Bueu si que a quería esa última praza da xeral, xa que, Carolo e Charri fixeron o posible e en ocasións o imposible para perder a partida. Manolo e David leváronse o triunfo con comodidade. 

Na quinta partida deste campo 1 Mourente xogou contra Moaña. Por Mourente tiraron Jaime e Rai e por Moaña Chufi e Albino. Vitoria azulona sen despeitearse. Nin Rai coa súa zurda eléctrica puido frear á parella máis elegante do equipo moañés, Os Chufinos.





 No campo 2 a primeira partida xuntou a Moaña e Cangas. Esta partida foi a de máis nivel da xornada, pois, despois de 3 tiradas rematou coa vitoria incontestable de Moaña. Suso estivo imperial e en 2 tiradas tivo 11 acertos de 12 pellos lanzados, bestial! López acompañouno con 7 acertos de 12 pellos. Aínda que Pablo e Jose estiveron moi ben cun 60% de acerto non lles chegou para evitar a derrota. 

Na segunda partida Moaña víase as caras con Hío. Outra das partidas clave para Moaña, se quería alcanzar o primeiro posto que ocupaba Hío. Desta vez, Suso e López venceron a Petro e Kiji en 4 tiradas. De novo Suso demostrou que tiña unha tarde acertada e volveu a superar o 60% de acerto. 

Na terceira partida un inferior Bueu medíase a un Moaña imparable que contaba as partidas da xornada por vitorias. Rafa e Laxeiras fixeron o que pudieron contra Chufi e Albino. Empezou a partida igualada e conforme o cansanzo se acumulaba nos brazos de Laxeiras, Bueu foi perdendo o norte e Rafa non puido evitar a derrota. 

Na cuarta partida Hío medíase a Cangas. O equipo morado coñecedor de que Moaña ganara as súas 4 partidas tiña que vencer para igualalo na xeral. Dito e feito. Orlando e Luki aproveitaron un 0 de Ricardo na segunda tirada para adiantarse e vencer a resistencia do equipo de Cangas. A pesar de todo, o equipo cangués prolongou a partida ata as 5 tiradas matando os pellos de Hío ata que Orlando acertou o tiro definitivo.

Na quinta e última partida Bueu encarou a Cangas con poucas esperanzas de triunfo. Carolo e Charri contra Pablo e Carlos foi a loita de David contra Goliat, dun trasatlántico contra unha dorna. En fin, o mexicano de Bueu, Charri, xa puxo de moda o seu lanzamento, "facer un Charri", ou sexa, non acertar ningún dos 6 pellos lanzados, cousa que adoita facer moi a miúdo o Got Talent Charri.

 
























Agora a clasificación queda desta maneira tan igualada para o Título. Moaña e Hío xóganse o campionato en 4 partidas a lume de carozo. O resto dos equipos non é verdade que non se xoguen nada. Así, Mourente e Cangas discutiran a terceira praza do podio con vantaxe de 2 vitorias para o equipo vermello cangués. Incluso Bueu ten posibilidades, poucas de evitar o último posto. Deberá ganar as 4 partidas e que Mourente perda as 4 partidas. Cousa improbable, imposible sempre que Charri estea nos seus números (negativos). 

Agora ben, eses equipos que parece que se xogan algo menor ao título teñen a motivación dos incentivos que van recibir por parte de Moaña e Hío para estimulalos naquelas partidas que deben enfrontar a algún dos aspirantes ao Titulo. En definitiva, as clásicas e nunca demostradas primas a terceiros equipos. Por outra beira, está o clima de temor sobre as actuacións arbitrais. Tal é a cousa que a organización xa contratou árbitro do Comité Técnico da Federación Galega de Deporte Autóctono. Árbitros que viaxarán en batea desde Vigo o mesmo sábado pola mañá escoltados por lanchas bateeiras. Todo controlado, afirmaban desde a organización.







XORNADA FINAL DO DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE

SÁBADO 31 AGOSTO 17:30h

MOAÑA (Campo de Chave ao lado do Club de Xubilados Domaio)


Na foto aparecen o Xefe do Servizo Provincial de Deporte de Pontevedra, Daniel Benavides, o Presidente do Club Tiro á Chave do Morrazo, Vicente Verdeal e a secretaria do mesmo club, Bea da Silva, no campo de Chave de Domaio, lugar onde se disputará a última xornada do DESAFÍO.


Trofeos finais do DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE


mércores, 21 de agosto de 2024

3 XORNADA BUEU

 A terceira tirada do DESAFÍO RÍAS BAIXAS tivo como sede a parroquia de San Amedio, Beluso, Bueu. Concretamento no lugar da Capela levantada en honor ao santo do mesmo nome que a parroquia. Un lugar emblemático e máxico sementado de sombras e presidido por un edificio relixioso erguido en pedras centenarias.

 



Nesta xornada había que disputar tamén as partidas adiadas na xornada anterior pola ausencia xustificada do equipo de BUEU. Entón, cada escuadra debería xogar 5 partidas. Pois ben, HÍO partía como líder sólido cunha vantaxe de 2 vitorias sobre CANGAS e MOAÑA.  BUEU e MOURENTE, empatados na última posición, tiñan por diante unha xornada decisiva para decidir quen evitará ese posto de pecha cancelas do DESAFÍO 2024.

Todo comezou cun guión esperado. Así, no campo 1 enfrontáronse na 1ª partida HÍO contra BUEU, primeiro da xeral contra último. O esperado sucedeu, Hío non tivo problemas para desfacerse do equipo local. Así, Rober e Petro ganáronlle a Rafa e Barrena. 


 

Na 2ª partida do campo 1 CANGAS xogou contra MOURENTE. Aquí sucedeu algo inesperado, o equipo verde pontevedrés desfíxose do cangués nun final de infarto. Manolo e David ganaron a Ricardo e Carlos. 


 

Na 3ª partida do campo 1 MOURENTE xogaba contra HÍO e nada se apartou dos prognósticos. O equipo líder levouse por diante ao equipo pontevedrés. Mourente formou con Óscar e Jaime e Hío con Rober e Kiji. 


 

Na 4ª partida o equipo local BUEU medíase a MOURENTE. Este duelo de equipos da parte baixa da clasificación estivo moi igualado e só o enorme empeño de Charri por deixar unha marca para a historia decidiu a partida para Mourente. Si, o mexicano que mellor fala galego fixo algo difícil de igualar e non digamos xa de superar. Tirou 30 pellos e acertou 2. Isto é unha porcentaxe de acerto do 0.067. Aí queda iso ! Rafa e Charri xogaron por Bueu e Manolo e David por Mourente. 


 

Na 5ª partida do campo 1 MOAÑA víase as caras e os corpos cun MOURENTE crecido despois da vitoria sobre Bueu. Mourente repetiu aliñación con Manolo e David. O director deportivo de Moaña, o Sultán das Bateas Vicente, elixiu a Albino e Chufi para disputar esta partida que se prevía de trámite. A partida estivo moi igualada e Vicente a cada tirada arrepentíase da elección dos xogadores. Finalmente Chufi deulle a vitoria ao equipo azul e Vicente respirou con alivio. 



No CAMPO 2 a 1ª partida enfrontou a MOAÑA contra CANGAS, os dous equipos empatados na xeral e perseguindo o liderado de Hío. O que semellaba ía ser ou debería ser unha partida igualada foi un paseo de verán para o equipo azul. Suso e López arrasaron a Pablo e Ricardo. Foron necesarias únicamente 3 tiradas para decicir o equipo vencedor.



A 2ª partida enfrontaba de novo a MOAÑA contra o líder HÍO. O equipo moañés xogábase moitas das súas opcións de título e notouse ben. Todo presaxiaba unha partida igualada e así foi. Ao final Suso e López ganaron sobre Luki e Orlando. 


 

Na 3ª partida Chufi e Albino non tiveron moitos problemas para superar a Laxeiras e Carolo. Así, MOAÑA ganaba a BUEU para situarse con pleno de vitorias na xornada e ameazar o liderado de Hío. Outro acerto máis do Sultán das Bateas Vicente na elección de xogadores para cada partida. 


 

A 4ª partida entre HÍO e CANGAS tiña a trascendencia de que o equipo do Hío sabía que Moaña xa lle empatara na xeral e debía vencer para manter polo menos unha vitoria de vantaxe na xeral. Así, Luki e Orlando salvaron a vitoria, iso si con bastantes dificultades fronte a Carlos e Pires.


 

A 5ª partida deste campo 2 opoñía a dous equipos con obxectivos antagónicos. CANGAS debía vencer para non descolgarse da carreira polo título e BUEU quería escapar desa última posición da xeral. Laxeiras e Barrena tiveron unha boa actuación, pero non foi suficiente para evitar a derrota a mans de Pablo e Pires. 



Despois de finalizar a xornada 3 recuperáronse as partidas adiadas na xornada anterior. Desta maneira, xogaron HÍO-BUEU, MOAÑA-BUEU, CANGAS-BUEU e MOURENTE-BUEU. Os resultados non cambiaron nada os postos da xeral, pois Bueu perdeu todas as súas partidas menos a que disputou contra Mourente. Daquela, a clasificación mostra ben ás claras dúas zonas definidas con 3 equipos que loitarán polo título nestas 2 últimas xornadas de DESAFÍO. Outros 2 equipos intentarán non ser o pecha cancelas. 

 

 

 

 

 

 

 







 

 

PRÓXIMA XORNADA 

24 AGOSTO

CANGAS


 










 

 

 

 






luns, 5 de agosto de 2024

2ª XORNADA Cangas

 A segunda xornada do Desafío Rías Baixas Tiro á Chave disputouse en Cangas e non houbo grandes sorpresas, pois, os equipos máis potentes e poderosos mantiveron o bo nivel mostrado en Mourente. Nesta xornada cada equipo xogou 3 partidas, xa que, o equipo de Bueu non participou. Segundo nos comunicaron desde o gabinete de prensa do equipo bueuense, unha indisposición gastrointestinal da maioría dos seus xogadores impediu que se desprazaran ata Cangas. Vaia, comer marisco sen depurar é o que ten. Afirmaba Charri con voz apagada "toda a noite coa cabeza apoiada no retrete e sen poder durmir".


Hío partía como líder da xeral despois da primeira xornada e conseguiu manter esa posición de privilexio, a pesar de sufrir a primeira derrota a mans de Moaña. Agora o equipo morado mantén 2 vitorias de vantaxe sobre os seus perseguidores. 


 

Moaña ganou 2 partidas das 3 disputadas e sitúase na segunda posición. Está claro que o equipo azulón notou moito a ausencia do Sultán das Bateas, Vicente. Tanto o notou que estivo a piques de conseguir o pleno de vitorias. Así, xa se converte en perseguidor do líder e alternativa firme a discutirlle o Título. Algún xogador de Moaña comentaba co resto de compañeiros,  "Vicente que non veña máis".



Cangas xogaba no seu campo e tiña unha grande ocasión para dominar a xornada. Non foi así e o equipo cangués ganou só 1 partida das 3 xogadas. Agora, veuse empatado na segunda posición por Moaña e Hío aumentou a distancia no liderado, que agora é de 2 vitorias, tanto sobre Cangas como sobre Moaña.

Mourente obtivo a primeira vitoria do Desafío. O equipo debutante, na primeira xornada perdera as 4 partidas e semellaba que estaba lonxe dos demais equipos. Non obstante, o equipo aproveitou a ausencia de Rai para soltar a melena e xogar sen tantas precaucións defensivas como as que tomou na súa actuación durante a primeira xornada. 
 

 
 A gran sorpresa da xornada foi a partida entre Mourente (Manolo-David) contra Cangas (Carlos-Pires). A derrota de Cangas estivo motivada pola frouxa actuación de Pires, quen nas 3 primeiras tiradas só deu 3 chave, isto é 1 chave en cada unha delas, porcentaxe de acerto moi pobre. Na última tirada xa estivo nos seus números (3 chaves, 50% de acerto), mais non foi suficiente para evitar a derrota fronte a uns grandes David e Manolo. 

 


 

 A partida máis espectacular e igualada  tivo que chegar a 5 tiradas completas por parte dos 4 xogadores. Foi o enfrontamento entre Cangas (José-Ricardo) contra Moaña (Suso-López). Ricardo e López mataron 4 chaves cada un para manter a emoción. Finalmente, os vermellos de Cangas impuxéronse aproveitando o baixón físico de López.

 

HÍO


MOAÑA


CANGAS


MOURENTE


EQUIPO DE CANGAS



EQUIPO DE MOURENTE



EQUIPO DE MOAÑA


 

EQUIPO DE HÍO




A próxima xornada será en Bueu o sábado 17 de agosto. Esperamos e desexamos que o equipo de Bueu estea xa recuperado desa indisposición.

MOAÑA GANA O DESAFÍO 2024

  A última xornada puntuable para o DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE 2024 rematou como as boas películas cun desenlace espectacular e feliz....