sábado, 7 de setembro de 2024

MOAÑA GANA O DESAFÍO 2024

 A última xornada puntuable para o DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE 2024 rematou como as boas películas cun desenlace espectacular e feliz. Vaia, feliz para o equipo de MOAÑA Na última partida decidíase o campión. O enfrontamento era MOAÑA, con Luís López e Chufi contra HÍO, con Orlando e Luki. O sistema de competición fai que o equipo que xoga como local no enfrontamento elixa a parella. Neste caso HÍO elixiu a Orlando e Luki, unha parella de nivel máximo. A partir de aí, o cadro técnico de MOAÑA tivo que facer as combinacións correspondentes para escoller unha parella que nunca se enfrontara a Orlando e Luki e ao mesmo tempo debía ser unha parella de garantías. Pois ben, O Sultán das Bateas, director técnico do equipo azul, decantouse por L. López e Chufi, despois dun amplio debate cos seus compañeiros e non todos estaban de acordo, xa que, Chufi non xogara unha boa primeira partida.  En fin, hai veces que as boas ou malas decisións son irrecoñecibles.

 

 


 

 Pois si, chegaba a última xornada e HÍO e MOAÑA estaban empatados a 13 vitorias. A xornada comezou de maneira dramática para MOAÑA, quen perdeu no seu primeiro enfrontamento da xornada contra CANGAS, mentres HÍO lle ganaba a BUEU. Circunstancia que deixaba ás gaivotas do Morrazo sen marxe de erro. O equipo Morado de HÍO estaba por diante na xeral. Os dous equipos ganaron as súas segundas partidas. Moaña rezaba para que na terceira partida de HÍO contra CANGAS, o equipo vermello lle fixera un favor vencendo a HÍO. Dito e feito, o equipo cangués tivo unha xornada perfecta, ganou as 4 partidas disputadas e dicían os seus xogadores que se o DESAFÍO durase 2 xornadas máis, o título era seu. En fin, CANGAS pasou por enriba de HÍO e MOAÑA venceu a MOURENTE. 




Todo se decidiría no enfrontamento entre HÍO e MOAÑA. A partida foi moi igualada e de alto nivel de acerto. Por HÍO, Orlando con 12 chaves de 18 tiros foi o máis efectivo, Luki acertou 9 pellos de 18. Por parte de MOAÑA, López e Chufi acertaron 11 deses 18 pellos. Todo isto nas 3 primeiras tiradas, pero o inesperado e excepcional sucedeu na cuarta tirada de Luís López, fixo un pleno, ou sexa, acertou os seus 6 pellos. Un berro de admiración resoou en toda a Ría de Vigo e os seus compañeiros botáronselle enriba. Ao mesmo tempo, un sopro de alivio saiu da boca de Vicente Verdeal. O Sultán respirou con acougo despois de ter que tomar unha decisión tan arriscada como foi a de xuntar a López e Chufi. 


 

CANGAS foi o mellor da xornada, vencendo todas as partidas. O equipo estaba recuperado da mala actuación na xornada anterior na que só ganara unha partida. O equipo cangués partía como un dos candidatos a discutirlle o título a HÍO e MOAÑA, pero tivo varios tropezos inesperados contra Mourente e quedou sen opción. De todas as maneiras, o potencial do equipo vermello é para disputar o título ata a última xornada. 



MOURENTE, que debutou este ano no Desafío, tivo actuacións moi boas sobre todo contra CANGAS, equipo que se lle deu moi ben. Tamén venceu a BUEU varias veces. Certo que de momento non está á altura de HÍO e MOAÑA, pero o seu obxectivo debe ser consolidar o equipo e volver para o ano con novas expectativas. BUEU fixo o puido e incluso algo menos. O equipo amarelo ganou 2 partidas de 20 disputadas en todo o DESAFÍO. Todo pasa por comprarlle unhas lentes de contacto a Charri ou finalmente pasar por quirófano e retirarlle as cataratas ou o que sexa que ten nos ollos, pois, non se entende que sempre acerte co espazo que hai arredor da Chave. 



 

 ACTAS





CAMPIÓN 

MOAÑA


SUBCAMPIÓN 

HÍO

 


3º POSTO

CANGAS

 


4º POSTO

MOURENTE

 

5º POSTO

BUEU
 




FOTOS

 









 







Ningún comentario:

Publicar un comentario

MOAÑA GANA O DESAFÍO 2024

  A última xornada puntuable para o DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE 2024 rematou como as boas películas cun desenlace espectacular e feliz....