mércores, 21 de agosto de 2024

3 XORNADA BUEU

 A terceira tirada do DESAFÍO RÍAS BAIXAS tivo como sede a parroquia de San Amedio, Beluso, Bueu. Concretamento no lugar da Capela levantada en honor ao santo do mesmo nome que a parroquia. Un lugar emblemático e máxico sementado de sombras e presidido por un edificio relixioso erguido en pedras centenarias.

 



Nesta xornada había que disputar tamén as partidas adiadas na xornada anterior pola ausencia xustificada do equipo de BUEU. Entón, cada escuadra debería xogar 5 partidas. Pois ben, HÍO partía como líder sólido cunha vantaxe de 2 vitorias sobre CANGAS e MOAÑA.  BUEU e MOURENTE, empatados na última posición, tiñan por diante unha xornada decisiva para decidir quen evitará ese posto de pecha cancelas do DESAFÍO 2024.

Todo comezou cun guión esperado. Así, no campo 1 enfrontáronse na 1ª partida HÍO contra BUEU, primeiro da xeral contra último. O esperado sucedeu, Hío non tivo problemas para desfacerse do equipo local. Así, Rober e Petro ganáronlle a Rafa e Barrena. 


 

Na 2ª partida do campo 1 CANGAS xogou contra MOURENTE. Aquí sucedeu algo inesperado, o equipo verde pontevedrés desfíxose do cangués nun final de infarto. Manolo e David ganaron a Ricardo e Carlos. 


 

Na 3ª partida do campo 1 MOURENTE xogaba contra HÍO e nada se apartou dos prognósticos. O equipo líder levouse por diante ao equipo pontevedrés. Mourente formou con Óscar e Jaime e Hío con Rober e Kiji. 


 

Na 4ª partida o equipo local BUEU medíase a MOURENTE. Este duelo de equipos da parte baixa da clasificación estivo moi igualado e só o enorme empeño de Charri por deixar unha marca para a historia decidiu a partida para Mourente. Si, o mexicano que mellor fala galego fixo algo difícil de igualar e non digamos xa de superar. Tirou 30 pellos e acertou 2. Isto é unha porcentaxe de acerto do 0.067. Aí queda iso ! Rafa e Charri xogaron por Bueu e Manolo e David por Mourente. 


 

Na 5ª partida do campo 1 MOAÑA víase as caras e os corpos cun MOURENTE crecido despois da vitoria sobre Bueu. Mourente repetiu aliñación con Manolo e David. O director deportivo de Moaña, o Sultán das Bateas Vicente, elixiu a Albino e Chufi para disputar esta partida que se prevía de trámite. A partida estivo moi igualada e Vicente a cada tirada arrepentíase da elección dos xogadores. Finalmente Chufi deulle a vitoria ao equipo azul e Vicente respirou con alivio. 



No CAMPO 2 a 1ª partida enfrontou a MOAÑA contra CANGAS, os dous equipos empatados na xeral e perseguindo o liderado de Hío. O que semellaba ía ser ou debería ser unha partida igualada foi un paseo de verán para o equipo azul. Suso e López arrasaron a Pablo e Ricardo. Foron necesarias únicamente 3 tiradas para decicir o equipo vencedor.



A 2ª partida enfrontaba de novo a MOAÑA contra o líder HÍO. O equipo moañés xogábase moitas das súas opcións de título e notouse ben. Todo presaxiaba unha partida igualada e así foi. Ao final Suso e López ganaron sobre Luki e Orlando. 


 

Na 3ª partida Chufi e Albino non tiveron moitos problemas para superar a Laxeiras e Carolo. Así, MOAÑA ganaba a BUEU para situarse con pleno de vitorias na xornada e ameazar o liderado de Hío. Outro acerto máis do Sultán das Bateas Vicente na elección de xogadores para cada partida. 


 

A 4ª partida entre HÍO e CANGAS tiña a trascendencia de que o equipo do Hío sabía que Moaña xa lle empatara na xeral e debía vencer para manter polo menos unha vitoria de vantaxe na xeral. Así, Luki e Orlando salvaron a vitoria, iso si con bastantes dificultades fronte a Carlos e Pires.


 

A 5ª partida deste campo 2 opoñía a dous equipos con obxectivos antagónicos. CANGAS debía vencer para non descolgarse da carreira polo título e BUEU quería escapar desa última posición da xeral. Laxeiras e Barrena tiveron unha boa actuación, pero non foi suficiente para evitar a derrota a mans de Pablo e Pires. 



Despois de finalizar a xornada 3 recuperáronse as partidas adiadas na xornada anterior. Desta maneira, xogaron HÍO-BUEU, MOAÑA-BUEU, CANGAS-BUEU e MOURENTE-BUEU. Os resultados non cambiaron nada os postos da xeral, pois Bueu perdeu todas as súas partidas menos a que disputou contra Mourente. Daquela, a clasificación mostra ben ás claras dúas zonas definidas con 3 equipos que loitarán polo título nestas 2 últimas xornadas de DESAFÍO. Outros 2 equipos intentarán non ser o pecha cancelas. 

 

 

 

 

 

 

 







 

 

PRÓXIMA XORNADA 

24 AGOSTO

CANGAS


 










 

 

 

 






Ningún comentario:

Publicar un comentario

MOAÑA GANA O DESAFÍO 2024

  A última xornada puntuable para o DESAFÍO RÍAS BAIXAS TIRO Á CHAVE 2024 rematou como as boas películas cun desenlace espectacular e feliz....